04 dezembro 2006

As sete marabillas galegas...existen?

Ante o menosprezo do Reino de Galicia polo resto de España durante os Séculos Escuros, algunhas elites cultas do país buscaron unha forma de facer unha reivindicación patriótica do noso patrimonio. Foi así como apareceron unha serie de escritos que facían unha descrición exaltada do pais e, entre eles, as “Sete marabillas do Antigo Reino de Galicia”. Descóbreas!

Quixo a casualidade que o historiador Alfredo Vigo Trasancos, buscando descricións de lugares e de cidades en fontes escritas deu cun exemplar, como di el, “cun título tremendo, “Galicia reino de Cristo Sacramentado”, no que se facía unha relación dos sete milagres que identificaban a Galicia”. Son as sete marabillas definidas por un xesuíta que culmina unha tradición que comeza desde o século XVI, cando o licenciado Molina comeza unha relación das cousas notables de Galicia.

¿Por que buscamos marabillas?
No século XVI o antigo Reino de Galicia vivía un menosprezo xeral por parte do resto do españois que motivou a que algúns círculos das clases altas galegas, buscasen unha forma de relanzar e exaltar as nosas virtudes. Foi así como xurdiu un interese por parte de determinados colectivos, principalmente relixiosos, por facer unha descrición dos valores patrios. Non era novo, porque como di Alfredo “non é o unha casualidade que as marabillas clásicas do mundo foran gregas ou helenísticas. Os gregos fixeran coa listaxe a súa propaganda, a súa forma de reivindicar o seu patrimonio e os galegos fixeron o mesmo, aínda que milenio e medio despois”. Galicia tamén se estaba reafirmando “como Reino, como entidade cultural, como unha personalidade política que tamén o era, e empeza a reivindicar o que somos e o que queríamos ser” apunta Alfredo.

A simboloxía do número sete
O primeiro documento que este historiador atopou foi un texto do Licenciado Bartolomé Sagrario de Molina que publicou en 1550 a súa famosa “Descripción del Reino de Galizia y las cosas notables del”. “Naquel momento, explica Alfredo, facíase unha especie de ranking onde o numero de sete non é exacto, ata que Pascanio Seguín fixa ese número no século XVIII”. Iso si, todas as descricións eran puramente literarias e non acompañaban ningunha imaxe. Cómpre lembrar, que o historiador asegura que a primeira imaxe impresa de Santiago é do segundo tercio do século XIX, “antes podía coñecerse Santiago se alguén que viña aquí facía un debuxo e logo llelo ensinaba aos seus amigos, pero nada máis”. Por iso, había que buscar unha forma para dar a coñecer o patrimonio.

A listaxe de marabillas galegas que Pascanio relata no seu libro son a Torre de Hércules, a ponte romana de Ourense, a igrexa rupestre de San Pedro de Rocas, o Montefurado dos Romanos, o porto de Ferrol, o santuario da Nosa Señora das Ermidas en Ourense e, para rematar, a “Apostólica Igrexa de Santiago”.

Torre de Hércules

Foi construída polos romanos como faro de navegación no século II D.C. segundo indica a inscrición ós pés da torre e as referencias documentais que sobre a cidade de Brigantium revelan a existencia dun faro da época de Trajano. A torre perdeu, posiblemente, o seu uso marítimo, durante a Idade Media ó converterse en fortificación. Será no século XVII cando o Duque de Uceda – 1682 – encargue a súa restauración arquitectónica ó arquitecto Amaro Antune, quen construíu unha escaleira de madeira que atravesaba as bóvedas ata a parte superior onde sitúa dúas pequenas torres para soporta-los fanais.

No reinado de Carlos IV realízase unha reconstrucción completa. A obra neoclásica rematouse en 1791 e foi dirixida por Eustaquio Giannini. A torre era antes de acomete-la reforma, un corpo prismático con base cadrada, no exterior presentaba un muro de pedra con dúas portas na parte baixa e fiestras asimétricas que o percorrían ata o piso superior, e un mordente helicoidal que tamén chegaba ata o alto. No seu interior conservaba a vella estructura romana, pero con escaleiras de madeira que pertencían á restauración do edificio, harmonizándoa na súa decoración cos marcos superiores de portas e fiestras.

Ponte romana de Ourense

Sobre o río Miño álzase unha das construccións máis emblemáticas de Ourense, a Ponte Romana, baluarte estratéxico do lugar séculos atrás, paso cara Santiago de Compostela e mirador privilexiado sobre este paso fluvial. Da primeira ponte romana, levantada durante a época do emperador Augusto, únicamente se conservan algúns sillares almohadillados nas bases. No século XIII foi reconstruido, dando o perfil actual con arco apuntado e rampas. No século XVII sufriu unha nova modificación, esta vez definitiva.


Mosteiro de Rocas

O mosteiro de Rocas é o principal punto de referencia na historia de Esgos. Segundo os restos atopados, expostos no Museo Arqueolóxico Provincial, parece que foi no século VI cando un grupo de ascetas descubriron este lugar e se instalaron aquí para levar unha vida retirada adicada á oración. Despois dun período do que se descoñece case todo, volveuse a instaurar a vida monacal para pasar finalmente a depender de San Rosendo de Celenova. Tamén en Esgos os canteiros de Galicia deixaron unha boa mostra da súa arte, os cruceiros. No camiño que vai do Pinto á vila de Vilar, preto da igrexa parroquial de Vilar de Ordelles atópase un cruceiro de pedra, sobre unha longa columna octogonal, asentada nunha plataforma escalonada e cunha mesa de pedra aos seus pés, destinada a colocar as imaxes dos santos nas procesións que pasan ao seu carón ou ben os cadaleitos dos enterros.

O Montefurado dos Romanos
Construiuse no século II, en tempos do emperador Trajano, para desviar o cauce do río e poder extraer o ouro que este arrastraba lavando o fango da antiga cuenca. Ten uns 400 m de longo por uns 19 de ancho e unha altura media de 17 m. Unha difícil obra de enxenhería para a época. Dise que os romanos talaron o monte de encinheiras que había nun pobo preto do lugar que todavía conserva o topónimo de Encinheira para racha-la rocha a lume. O túnel de Montefurado está apenas a cen metros da estrada nacional 120, hai un área de descanso que permite deterse e ve-lo túnel.

O Porto de Ferrol

Ferrol desempeña un papel importante na historia de España e as que foron as súas posesións de Ultramar, papel que lle concederon a súa posición de se-lo porto militar máis importante da península durante séculos. En Ferrol sucederon numerosas batallas navais e incluso algún desembarco promovido polos exércitos ingleses que ansiaban capturar "mellor porto natural da costa atlántica de Europa" (así o calificaron os almirantes británicos) e un enclave estratéxico sen igual en España.

Santuario da Nosa Señora das Ermidas en Ourense

O Santuario da Nosa Señora das Ermidas atópase entre os macizos das Serras de Queixa, do Eixo e San Mamede, nunha profunda garganta do río Bibei, e preto dunha das antiguas rutas de penetración en Galicia, a Vía Romana de Astorga a Ourense, non lonxe do cruce coa Vía de Braga a Astorga. Goza dun enclave privilexiado, localizado nun anfiteatro natural que realza a súa arquitectura barroca, xa que os edificios que componhen o santuario aséntanse nun reborde abrupto da empinada montaña, sobre unha plataforma artificial excavada na rocha viva dende a que se domina a ribeira encaixada pola que discurre o Bibei. As Ermidas, célebre pola súa milagrosa imaxe, convertiuse dende a antigüedade nun importante lugar de peregrinación, sobre o que se erixiu a primeira eirexa, unha sinxela ermita, a fins da Idade Media. En 1624 comezou a construcción dunha nova eirexa cunha única nave e unha casa para o administrador, e ampliouse o mesón de peregríns xa existente, creándose o núcleo para o posterior deserolo do santuario en fases sucesivas ata o complexo existente na actualidade.

Catedral de Santiago

A catedral de Santiago de Compostela, localízase no centro histórico de Santiago de Compostela e é a meta do Camiño de Santiago.
A construción actual data do ano 1075 e consagrouse en 1211. Consta dunha planta basilical de cruz latina de tres naves, tamén no transepto, e triforio (chamado localmente tribuna), que está conectado directamente co Pazo arzobispal, o Pazo de Xelmírez. Na cabeceira sitúase a capela maior, rodeada por un deambulatorio polo que se accede a cinco capelas radiais menores. Tras o descubrimento do que se cría que eran os restos do apóstolo Santiago o Maior polo bispo Teodomiro de Iria Flavia, entre o 820 e o 835, o rei Afonso II mandou edificar unha igrexa dedicada ao culto do apóstolo. No ano 872, en tempos do rei Afonso III, comezou a construción da nova basílica, que substituíu á pequena igrexa e que se consagrou no ano 899 e que se derrubou no ano 1112. No ano 1075 baixo o impulso do bispo Diego Peláez e do rei Afonso VI de Castela e León comezou a construción da catedral románica que se rematou durante o episcopado de Diego Xelmírez (1101-1140). O primeiro que se edificou foron as capelas do deambulatorio: A capela do Salvador, a de San Pedro e a de San Xoán. En 1105 Xelmírez consagrou as capelas de San Xoán Bautista, San Martiño, Santa Cruz e San Martiño. En 1112 remataron os traballos dos brazos do cruceiro. En 1117 unha revolta dos burgueses da cidade contra Xelmírez afectou á catedral e a fachada das Praterías veuse tocada polo lume: aínda así en 1140 están rematados seis tramos das naves maiores. O resto dos tramos concluíronse en 1160, tras o que se produciu unha parálise na construción ata que, en 1168, o Mestre Mateo quedou como mestre de obras. Nesta altura, el e o seu obradoiro convertéronse nos artífices do Pórtico da Gloria e remataron a catedral que, nunha celebración solemne, consagrou o arcebispo Pedro Muñiz o 21 de abril de 1211

Conta Alfredo que “o que máis me sorprendeu e que a case todos lles gusta remarcar aquelas obras que ademais de antigas, están traballadas contra a natureza, que todas son un prodixio da natureza. Por exemplo, Montefurado é unha roca escavada artificialmente para desviar o curso do Sil e é unha obra que lles impresiona moito porque supuña considerar que o home é o amo da natureza porque a pode modificar”. Relacionado con esta marabilla e, aínda que non está na relación feita por Seguín, entre os escritos que contan as cousas notables están os Codos de Larouco, que son as obras de desmonte que houbo que facer para crear unha vía militar romana. “Por outra banda, continúa Alfredo, a propia igrexa rupestre de San Pedro de Rocas non deixa de ser unha igrexa pequena pero como está construída nunha pedra impresiona moito”. Outras cousas que se destacan son pola súa devoción, aparece tamén o Cristo de Ourense porque se consideraba que fora esculpido por Nicodemo e polo tanto era un retrato auténtico do propio Xesucristo, que era moi milagroso e tiñan moita devoción”. Cómpre lembrar que os libros nos que se atopan estas descricións son máis relixiosos que civís e Alfredo apunta que “están escritos por curas, agostiños, benedictinos, xesuítas...”.

Entre as marabillas do mundo e as de Galiza
Alfredo pensa que existe unha relación clara e evidente entre as sete marabillas do mundo e as do reino de Galicia. “Non casa á perfección, pero creo que non cabe dúbida que existe unha relación entre as sete marabillas do mundo e as galegas: a torre de hércules asóciase co faro de Alexandría, o Zeus de Olimpia co Cristo de Ourense e aínda que non as recolle Seguín si o fan outros anteriores, as murallas de Babilonia coas Murallas de Lugo”.

Polo demais, Alfredo explica o curioso que resulta para este “Reino de Galicia” o simbolismo do numero sete. “Para un reino que tiña sete provincias e para unha cidade de Santiago que tiña sete portas, para un vello testamento que ten sete libros e tendo en conta que Deus creou o mundo en sete días. Parece querer dicir que se este era o reino máis sagrado do mundo”.

03 dezembro 2006

apoiemos a quen o merece...Mestre Isaac!!



As Cerámicas do Castro e Sargadelos, un referente fundamental da nosa cultura e identidade do noso pobo, atópase en perigo. A súa alma mater, o seu fundador, a sua identidade e o noso intelectual xa non está ó frente deste complexo polo desexo capitalista de algúns ""indocumentados"". Tódolos galegos debemos tentar impedir esa "xubilación".

A verdade é, que e inxusto que alguén que loitou tanto por ter un producto tan noso...algo que a priori podería semellar tan pouca cousa, tan "empresarial", hoxe é imaxe de galiza, un pensa en sargadelos e sinte Galiza, ve Galiza e recoñece Sargadelos.

Inda que sexa por xustiza e coherencia co traballo deste xenio, habería que mante-lo!. Seguramente as súas ideas non son as máis "empresariais" e "economicas" que se poden facer...pero temos que pensar, que con esas ideas chegou sargadelos ata onde está...e que el tiña e ten un plan, un obxectivo pra Sargadelos, que o fará cada vez máis grande, sen lle importa-lo diñeiro...pois todo o que xeneraba Sargadelos había que reinvertilo no mesmo...
E iso,como todos sabemos, non é algo que guste moito a mentes capitalistas, e que lle importa máis o negocio-diñeiro, que a empresa-cultura.

Por iso considero xusta esta iniciativa...

Sargadelos é algo que tódo-los galegos sentimos noso...e iso, ningun empresario normal (ou bo) podería habe-lo logrado...hai que ser un xenio, coma Isaac.
Apoiamos a Isaac Díaz Pardo